Banda da escola de música municipal de Oleiros

Banda da escola de música municipal de Oleiros

A Banda da Escola de Música Municipal de Oleiros nace en 2001 no seo da Escola no segundo curso de funcionamento do centro e baixo a dirección de Juán B. Bernat. A Escola de Música Municipal de Oleiros naceu no ano 2000 froito do esforzo do Concello de Oleiros para impulsar e formar o estudo e a práctica da música.

Ten a súa sede no edificio da Fábrica (Perillo) e ofrece os seus concertos no auditorio Gabriel García Márquez de Mera. Polo seu carácter pedagóxico ofrece os seus primeiros concertos nas programacións da Escola participando nos concertos de nadal, primavera e clausura de cada curso.

No ano 2002 faise cargo da dirección Alberto Piñeiro Leiva quen impulsa á agrupación a un desenrolo cara ó exterior. 

En 2004 comparte programa coa Banda Municipal de Silleda no Auditorio Municipal de Silleda. No 2005 participa na inauguración do Auditorio Gabriel García Márquez de Mera e ofrece un ciclo de concertos nas torres de Sta Cruz. A partir desta data a Banda actúa asiduamente en lugares do concello como a Feira da Mel, Merendiñas, Alfaroleiros,etc.

En 2005 realiza un intercambio coa Banda de Sta. Cruz de Ribadulla e organiza o primeiro Festival de Bandas de Oleiros, que se repite cada ano cun oco no panorama bandístico galego e gran éxito de público. 

En 2006 realiza un intercambio coa Banda de Sada e programa concertos con agrupación corais, coma o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música xunto coa Coral Polifónica Follas Novas. No ano 2007 promove a Primeira Xuntanza de Corais do Concello de Oleiros reunindo a máis de cento cincuenta coralistas dentro do Primeiro Encontro de Música das Letras Galegas, que se repite no 2008. Ese ano foi invitada polo concello de Sarria e participou no programa cultural das festas de Silleda.

É membro dende 2008 da Federación de Bandas de Música Populares, buscando ter unha entidade propia e seguir crecendo dentro do mundo das bandas en Galicia.

Na actualidade está formada por sesenta músicos pertencentes na maioría ó Concello de Oleiros e á súa escola, con diferentes idades por ser premisa na agrupación e na Escola abrir o mundo da música e das bandas a todo tipo de persoas e idades.

É un proxecto ilusionante que está comezando a dar os seus froitos. A día de hoxe Oleiros é un viveiro de novos músicos e un concello onde está a xurdir unha excelente cultura musical.