Banda de música de Xinzo

Banda de música de Xinzo

A parroquia de Xinzo foi sempre lugar de música. A súa tradición musical remóntase a antes da Guerra Civil española. No ano 1927, fundouse a primeira banda da que se conservan mostras, a que se deu en chamar Banda de Música de Xinzo. Estivo dirixida por D. Jesús Táboas, veciño da parroquia que aprendeu música no servizo militar e, a súa volta, promoveu a formación da banda e impartiu clases de solfexo.

O inicio da Guerra Civil española en 1936 levou ao cese da actividade da banda. Tras a finalización deste período, a agrupación volveu reunirse baixo a dirección de mesmo mestre, D. Jesús Táboas. Formada por unha vintena de mozos, centrábase nun repertorio composto por pezas de carácter bailable, como pasodobres, muiñeiras e xotas. Finalmente, a banda disolveuse ao redor de 1952.

Durante os seguintes 20 anos, a parroquia de Xinzo quedou sen agrupación musical ata que rexurdiu nunha nova etapa no ano 1979, coa fundación da coñecida hoxe como Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

O comezo deste período deuse cando un grupo de rapaces e rapazas iniciáronse na música da man do mestre D. José Guillén Lorenzo, músico profesional da Banda Militar do Cuartel de Berreiro (Vigo). No Nadal de 1980, tras meses de preparación, os veciños escoitaron unha mostra do que se convertería na Banda de Música Xuvenil de Xinzo cunha actuación á saída da misa.

Foi o 28 de xuño de 1981 cando a agrupación se presentou no seu primeiro concerto oficial. A banda formábana por entón músicos de entre 8 e 11 anos. Ao longo das décadas seguintes, con numerosas actuacións en festas e participacións en programas de televisión nacionais e autonómicos, varios directores traballaron para que a agrupación fose acadando o nivel co que hoxe conta, destacando, ademais de D. José Guillén Lorenzo, figuras como D. Bolivar González Rodríguez, D. Sergio Hurtado Carrascosa e D. Antonio Budiño Durán. Igualmente, durante este tempo varios músicos formados na banda convertéronse en profesionais, como Delio, José Luís, Yolanda e Marcos Represas Carrera, José Ángel Presa, Benito Porto, Feliciano Cebreiro, Andrés Covelo ou Fernando Abreu.

Foi precisamente cun dos músicos formados no seo da banda co que comezou o período de consolidación da agrupación, cando D. Miguel Anxo Castro Carrera se converteu no seu director en 1996. Ocupou o cargo unha década, ata mediados de 2006, e baixo a súa batuta intensificouse a participación da banda en festivais. Concursou nas edicións III e IV do Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra, aínda que sen premio ata a V edición, canda a agrupación acadou o terceiro posto.

A partir de 2006, e por un período dun ano, asumiu o cargo de director D. Álvaro Varela Ferradáns. Con el, impulsouse a actividade da Escola de Música de Xinzo coa oferta de novas especialidades musicais, o aumento no número de alumnado e a creación da Banda da Escola de Música, presentada na parroquia en decembro de 2007. Nesta etapa, a Banda Xuvenil repetiu o terceiro posto no Certame Provincial e acadou por primeira vez a segunda posición no Certame Galego de Banda de Música.

A este mestre sucedérono D. Iñaki Lecumberri Camps (2008) e D. César Núñez Pérez (2008-2011). Co primeiro, a agrupación conquistou o primeiro premio no Certame Zonal de Bandas de Música e o segundo no VII Certame Provincial. O ansiado primeiro posto desta última competencia chegou baixo a dirección de D. César Núñez Pérez ó ano seguinte. Ademais, entre o máis destacado da súa labor durante eses catro anos, encóntrase a gravación do primeiro CD editado pola Banda.

Dende 2011 ata 2014, asumiu a dirección D. Juan Carlos Díaz Álvarez. Con el, gravouse un CD composto integramente por pezas inéditas paara banda do compositor ponteareán D. Reveriano Soutullo Otero, unha colaboración coa Fundación Reveriano Soutullo que supuxo o segundo traballo discográfico da Banda.

Destaca igualmente o primeiro posto no XI Certame Provincial da Deputación de Pontevedra e o segundo no VI Certame Galego de Bandas de Música Populares en 2012. A estes, súmase o “Premio Concello de Ponteareas”, recoñecemento á Banda de Música Xuvenil de Xinzo en 2014 pola súa contribución ao eido cultural.

Seguidamente, a batuta pasou a D. José Javier Bascoy Iglesias entre xaneiro e setembro de 2015 e, desta data ata outubro de 2016, a D. Ángel Antonio Montes Abalde.

Tras estes breves períodos, D. Roberto Sánchez Barreiro fixose cargo da banda os seguintes dous anos, ata 2018. Neste tempo, iniciouse o proceso de actualización da imaxe e organización da Banda, que permitiu a continuación dun sólido crecemento.

No ano 2017, a agrupación recibiu o Premio AGADER á Mellor Iniciativa Xuvenil por Fomentar o Desenvolvemento Rual, galardón concedido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. E ese mesmo ano naceros dúas das ramas da agrupación: a Coral Cantares de Xinzo, que se presentou á parroquia ese decembro, e a Fundación Musical de Xinzo, a primeira fundación de interese galego creada en exclusiva a partir dunha banda de música.

Entre abril de 2018 e setembro de 2022, a dirección da Banda correu a cargo de D. Javier Blanco González.

Na actualidade, D. Rodrigo Iglesias Silva é o director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Con el, fragouse o regreso da Banda a un certame tras unha década de ausencia, acadando o segundo premio no XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares. Ademais, a banda celebrou dúas Galas Líricas de zarzuela e multitude de concertos.

O futuro da agrupación musical preséntase como prometedor grazas aos máis de 100 alumnos matriculados na Escola de Música coa que conta a Banda e na que se imparten variadas disciplinas intrumentais. Ano


2005: 3º Premio, Sección Segunda, V Certame Provincial de Bandas de Música

2007: 3º Premio, Sección Segunda, VII Certame Provincial de Bandas de Música

2007: 2º Premio, Sección Segunda, I Certame Galego de Bandas de Música

2008: 1º Premio, Sección Segunda, I Concurso Zonal de Bandas de Música

2008: 2º Premio, Sección Segunda, VIII Certame Provincial de Bandas de Música

2009: 1º Premio, Sección Segunda, IX Certame Provincial de Bandas de Música

2010: 1º Premio, Sección Segunda, III Concurso Zonal de Bandas de Música

2011: 1º Premio, Sección Segunda, XI Certame Provincial de Bandas de Música

2012: 2º Premio, Sección Segunda, VI Certame Galego de Bandas de Música

2014: 1º Premio, Sección Terceira, XIII Certame Provincial de Bandas de Música

2014: 1º Premio, Sección Segunda, VIII Certame Galego de Bandas de Música

2024: 2º Premio, Sección Segunda, XVII Certame Galego de Bandas de Música