Agrupación Músico Cultural de Ribadumia

Agrupación Músico Cultural de Ribadumia

A Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia nace no ano 1998 con alumnos/as da Escola, recibindo clases dende o ano 1995. A súa andaina comezou o día 22 de Novembro de 1998, día de Santa Icía, baixo a batuta de Joaquín Sanchís, ata o ano 2002, quedando Fernando Cancelo como director. No ano 2003 ata o 2019, estivo dirixida por Víctor Manuel Fernández.


Dende o ano 2005 participou no Certame Provincial de bandas de música da Deputación de Pontevedra, na segunda sección, acadando varios terceiros premios, un segundo premio, e un primeiro premio no ano 2010. Tamén participou no I e II Certame Zonal de Pontevedra, acadando un terceiro e un primeiro premio. Dende o 2007 ó 2018 participou no Certame Galego de bandas en sección segunda acadando varios cuartos premios, un terceiro, un primeiro premio no ano 2015, e no 2018, un segundo premio.


No ano 2009 realiza un intercambio musical coa banda de música valenciana “Societat Musical La Pau” de Beneixama. No 2011 coa banda valenciana “Societat Musical La Lira Fontiguerense” de La Font de La Figuera, no verán do 2013 coa banda de Villarejo de Salvanés (Madrid).

Dende o ano 2008 conta cunha banda xuvenil formada por músicos/as con idades dende os 10 e 16 anos. Ó longo de todo o ano, realiza intercambios culturais con bandas de música de distintos Concellos de Galicia, fai colaboracións con distintas asociacións da comarca; así como unha serie de concertos como son o Día das Letras Galegas, dia do Socio, Sta Icía, Nadal ( colaboración con Cáritas), Noites de verán, Concerto de Solistas, o Festival de Bandas Xuvenís, Festival de Bandas de Música de Ribadumia.


Dende o ano 2020, a banda está dirixida por Adrián Pais Abuín e conta con músicos/as con idades comprendidas entre os 10-45 anos. No ano 2023, preséntase ao Certamen Internacional de Bandas de Música de Aranda de Duero, acadando o terceiro posto.

Currículum do Director

Adrián Pais Abuín

A vinculación de Adrián Pais coa música remóntase a principios dos anos noventa, cando con tan só nove anos comeza a recibir clases no seu Rianxo natal. Finaliza os seus estudos superiores en Palma de Mallorca e despois trasládase a Francia, onde ten a oportunidade de traballar en profundidade con Marie Bernadette Charrier e Hilomi Sakaguchi. De forma paralela recibe consellos de artistas como Rainer Schmidt, Eberhard Feltz, Helena Poggio, Xavier Gagnepain, Kennedy Moretti, ou Cibrán Sierra.


Ao longo da súa carreira, Adrián Pais gañou máis dunha decena de premios en concursos nacionais e internacionais, entre os que destacan o obtido no 38º Concurso de Música de Cámara Club Lyceum de Lausanne (Suiza), ou no Concurso de Música de Cámara Monserrat Alavedra.


Colabora con diversas formacións como a Real Filarmonía de Galicia, Vertixe Sonora, Deleria Esemble ou [IN]Stabiles Ensemble. Capriccio, foi o seu primeiro traballo discográfico xunto ao grupo Art Sound Quartet, no que ofrecen un repaso do repertorio para saxofón do clasicismo e romanticismo.


A súa inquedanza por unha formación o máis integral posible, fai que Adrián comece unha relación co mundo da dirección da man de Mestres como David Fiuza, José Rafael Pascual Vilaplana ou Miguel Romea. Dende o 2020 dirixe a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia.