Banda de música A Unión de Guláns

Banda de música A Unión de Guláns

A Unión de Guláns, unha das bandas de música máis antigas de Galicia, comeza a súa andadura na década de 1870 en Guláns, Ponteareas. O seu fundador e primeiro director foi José Carracedo Domínguez e logo seu fillo Constante Carracedo González. De 1934 a 1947 diríxea José Carracedo Ucha e a banda pasa a chamarse La Unión de Gulanes. Xurden músicos como Rogelio Groba Groba (director de 1947 a 1952 e compositor de renome), Miguel Groba Groba (director de 1952 a 1956) ou Indalecio Fernández Groba (director ata 1959). Logo dirixen á banda Antonio Baquero, Francisco Rodríguez, José Fariñas Rogelio Loureda, José Carracedo Pousada, Javier Basoco, Plácido Lorenzo, José Aradas, Alfonso Méndez, José Guillén, José Oro-Val, José Fernández Pérez, Hipólito Fernández Fernández e Alicia Porto Fernández.

A banda é galardoada no Concurso de Bandas Populares da Cidade de Ourense no 1971, grava un LP en 1979, participa na película La Hora Bruja, na inauguración do auditorio Reveriano Soutullo, no programa da TVG O Son dun Pobo, no colexio San Agustín (Salamanca) e nas festas Brueguel (Bruxelas). Ten realizado actuacións en diversos programas de TVG (Luar, Galicia Enteira) e TVE (Desde Galicia para o mundo). 

No século XXI destacan a gravación dunha casette, a actuación no Centro Galego de Lisboa (2000), o nomeamento como Director Honorífico a D. Hipólito Fernández en 2001 e a gravación dun CD en 2004. No 2005 e 2006 participa no Certame Provincial de Pontevedra.

No 2010 obtén o 3º posto no 3º Concurso Zonal de Pontevedra, realiza un intercambio coa Banda de Foz e organiza o Festival de Bandas de Música de Guláns. En 2011 participa nos Festivais de Bandas de Torroso e Xinzo e homenaxea aos compositores con raíces gulansesas. Recibe o Premio das Artes 2012 da Fundación Cumbres do Suído do Condado e grava un CD de bailables. En 2013 recibe o Premio Concello de Ponteareas no apartado cultural. No 2015, realiza unha exposición e publica o libro Un paseo pola historia da Unión. En 2016 realiza un concerto co coro IES Val do Tea de Ponteareas e no 2019 presenta Músicos In Black, Expediente Guláns co grupo de teatro Todos Xuntos de Guláns.

A banda interpreta música clásica, zarzuela, lixeira, típica galega e bailables. Fai unhas cincuenta espectáculos anuais entre concertos, actos culturais e recreativos, festas populares e verbenas. Está formada por uns 50 compoñentes, alumnos das diferentes especialidades que se imparten na escola.