Banda de música de Arca
O Pedrouzo - Arca
informacion@bandadearca.com
http://bandadearca.com/
660817219
Foi inmortalizada no libro Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas quen conta como a Banda de Arca enchía de ledicia aquela Galiza: “O souto estaba alumeado con faroliños moi paveros. Tocaba a Banda de Arca [...] e a xente beilaba. Moitas pezas das que tocaron eu xa as tiña ouvido. O eco resonaba lonxe, no fondo da carballeira. Eu, en veces, sentíame voar, coma se a música me arrincase do faiado e me levase polo aire”.
Corría o ano 1864 cando D. Cristóbal Regueiro Fandiño fundaba na súa vila natal a Banda de Música de Arca. Dende a súa fundación ata ben entrado o ano 1940, foron membros desta familia os que dirixiron a banda (primeiro os seus fillos Manuel e Ricardo e logo o seu neto Antonio Regueiro Lareo). Logo faise cargo da batuta o famoso músico compostelán D. Andrés Blanco “Rebornecho”.
A este seguiranlle D. Rosendo Mato Hermida (recoñecido por poñerlle música ao fermoso poema Lela) e D. Benito Iglesias Viñas (membro da Banda Municipal de Santiago e alumno do gran compositor e director galego D. Ricardo Fernández Carreira) ata que no ano 1989, a banda lle dá a benvida a un prometedor mozo: D. Xavier Ces Calvo. Entre 1992 e 1998 dirixe a banda D. Ramón Vigo Deza, alférez e músico da Banda Militar de A Coruña. Dende 1998, a batuta está ó cargo de D. José María Blanco Pampín, veciño de Arca e músico da banda dende que era un neno.
En novembro de 1996 un grupo de músicos comprometidos coa Banda, entre eles o actual director, comezan un intenso labor didáctico-musical con rapaces da comarca e na festa de Santa Icía de 1998 debutan no escenario vinte rapaces e rapazas. A partir de 1998 todos os anos se incorporan novos membros á banda tanto desta academia como dos concellos limítrofes.
A Banda participou no Certame de Bandas de Música de Aranda del Duero, no II Certame Galego de Bandas de Música Populares no que acada o 2º premio na Sección Terceira (ata 45 músicos). Este 2º premio foi renovado na III edición do Certame Galego.
No ano 2010 a Banda de Música de Arca acadou o 1º premio na Sección Terceira (ata 45 músicos).
O seu maior mérito é que nunca se desfixo, cumprindo en 2014 os 150 anos de música ininterrompida, historias, anécdotas e moita ilusión por parte dos músicos. Participou en certames dentro e fóra de Galicia, organizando concertos con imaxes, coros, outras bandas, gaitas…

